Verín, é o momento.

Hai ben pouco escoitaba a alguén ben entendido do tema, falando dos estilos musicais que máis público atraen enriba dun escenario, dicir que hoxe en día o transgresor é interpretar música tradicional, e o feito de facelo chama a atención de moitas e moitos. É sen dúbida unha reflexión ampla, matizable sintácticamente e aplicable a diferentes contextos, pero certa en si mesma, xa que o propio concepto de tradicional fai referencia ao modo de transmitirse este patrimonio inmaterial, de nais a fillas, de pais a fillos, de xeración en xeración, algo que hoxe en día se non desapareceu por completo non está lonxe de facelo.


Este xeito de vida da colectividade galega de hai menos dun século foise perdendo ao ritmo que marcou a propia evolución da sociedade, marcada sobre todo polo apartado tecnolóxico e industrial, mais non tanto polo cultural. Coa chegada de aparellos de entretemento e comunicación como a radio ou a televisión a veciñanza xa non se xuntaba nunha lareira despois de cear, onde se contaban contos, cantaban cancións e tocaban instrumentos ante a atenta mirada e escoita da cativada. As máquinas substituíron ás persoas na realización de tarefas cotiás, e co irromper das mesmas desapareceron os fiadeiros, onde mozas e mozos se reunían para botar uns parrafeos, cantar e bailar; os traballos de campo, cadanseu coas súas costumes, pero sempre coa música e a danza presentes como elemento de cohesión, e incluso o transporte, que permitíu a chegada doutras formas de entretemento e celebración que solaparon, e incluso substituíron nalgúns casos, ao propio.


Isto non quere decir que deixaran de existir grandes intérpretes, senón que o número dos mesmos diminuíu considerablemente. Un caso concreto e peculiar foi o dos instrumentos de percusión, xa que máis aló dos máis coñecidos como a pandeireta ou o pandeiro que acompañaban á voz de quen os interpretaba, existían moitos outros que podíamos atopar en calquera cociña ou alpendre. Isto eran cunchas, culleres, latóns, sachos ou cazolas, que formaban parte do repertorio e acompañaban esas noites e seráns de foliada. Recordamos neste apartado a grandes mulleres cantoras da nosa terra, que instrumentos en man percorrían os lugares veciños espallando a súa música, os seus ritmos e os seus cantares.


É por iso que nos nosos días cando falamos do tradicional estamos englobando un conxunto de costumes, materiais e aspectos culturais que chegaron ata nós e conservamos como tal e que non están exentos da propia evolución dos tempos, mais como se transmite na actualidade este patrimonio? Nos centros educativos e de formación artística, maioritariemente, e neste punto debemos facer una división formal, xa que atopamos dúas grandes vías de ensinanza. Por unha parte está a formación regrada, onde nos últimos anos se produciron grandes avances de cara a implantación do estudo a nivel académico dos instrumentos da música tradicional e popular de Galicia en colexios, escolas de música e conservatorios, e por outra banda destacamos a abundancia de centros e agrupacións que ofrecen esta instrución a outros niveis, ben sexa como complemento ou xeito de conxunción, onde se pode acceder a un estudo de calidade. Pois ben, tristemente a día de hoxe Verín carece de ambas, e non é precisamente pola demanda desta oferta educativa, xa que son numerosas as persoas que se desprazan a concellos limítrofes para poder recibir formación neste ámbito, tanto a nivel académico como non regrado, mentres outras vilas da provincia como O Barco de Valdeorras, Ribadavia ou Xinzo de Limia ofrecen o estudo da gaita e dos instrumentos de percusión galega dentro dos seus conservatorios e escolas de música.
No meu caso particular, recén graduado superior neste campo no Conservatorio Superior de Música de Vigo, non tiven a oportunidade de cursar estudos oficiais na miña vila nin sequera a nivel elemental. Comenta o compañeiro e amigo David Rodríguez, nas súas verbas sempre sabias, que hoxe en día non existe diferenza en canto á formación musical dun cativo de Verín a un de Vigo, e certo é que se ten avanzado moito coa implantación do grao profesional no noso conservatorio gracias á xente que loitou durante anos para que este soño se convertira nunha realidade á altura do que Verín mecere e necesita, mais quero facer un paréntese e puntualizar que no relativo ao estudo dos instrumentos galegos e á música tradicional galega en xeral aínda nos queda moito, ou máis ben case todo por andar. Comecemos!

 


Info sobre o autor

100x100
Álvaro Rúa Manso
Gaiteiro, mestre, compositor e gran amante da música tradicional. Actualmente é un dos directores da Banda de Gaitas Nova Era. Titulado Superior na especialidade de Intrumentos da música tradicional e popular de Galicia.

Comentarios (0)


Engadir un comentario