A gaita galega entra no World Record Guinnes

O verinés Álvaro Rúa Manso fixo historia o pasado xoves 3 de agosto ao acadar o novo World Record Guinness Mundial por tocar a nota máis longa cun instrumento de vento, concretamente cunha gaita galega. Este logro tivo lugar no Auditorio Municipal, onde o músico verinés demostrou a súa gran destreza musical.

Para romper este récord mundial, Álvaro Rúa decidiu utilizar o noso instrumento máis senlleiro, a gaita galega. Non obstante, o camiño cara ao récord non foi sinxelo. As normas impostas pola entidade Guinness son extremadamente estritas, o que requiriu a presenza de varios técnicos para a cronometraxe e especialistas en son, entre outros, que actuaron como testemuñas para validar o intento.

Desde unha perspectiva técnica, o desafío radicou en manter un mínimo de 80 decibelios constantes cun son estable durante todo o tempo, "o que representa unha tarefa sumamente complexa", explicou Álvaro Rúa. O record anterior (1 min 23.04 seg.) estaba en mans dun músico da India, quen o conseguiu tocando un corno tradicional do seu país, sendo superado polo músico verinés cunha duración final de 13 min 26.95 seg.

A principal razón que motivou a Álvaro a acadar este fito foi a de darlle valor a gaita galega e adicou o seu logro a todas aquelas gateiras e gaiteiros que espallan o noso son e manteñen viva a nosa cultura.


Info sobre o autor

100x100
Paquinho Álvarez
Amante da música popular, cicloviaxeiro e programador web en django

Comentarios (1)

Gaiteiro23 / 11 Mar, 2024
Orgullo de instrumento!

Engadir un comentario